ACTIVIDADES RECIENTES: Plácido Lizancos

placido_maputo

INAUGURADO EN MAPUTO O “PROJECTO KAYA CLINICA”

O venres 11 de Novembro foi inaugurado en Maputo (Mozambique) o Projecto “Kaya Clínica”.

O evento foi presidido por D. Orlando Quilambo, reitor da UEM, o Alcalde de Maputo, a Embaixada de España e D. Luís Lage, coordinador en Mozambique do Projecto Kaya Clinica, contando cunha amplísima presencia de persoas da academia e da propia comunidade local.

Kaya clínica é unha acción de apendizaxe-servizo enfocada a Habitabilidade Básica. Conta coa participación das Escolas de Arquitectura e Enxeñería de Camiños e da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC en consorcio coa Universidade Eduardo Mondlane, todo esto impulsado a través da Fundación Universidade da Coruña.

Este proxecto -que é unha operación piloto- desenvólvese no bairro George Dimitrov de Maputo, popularmente coñecido como Benfica e está enfocado á mellora das condicións hixiénico sanitarias nas que viven os 40.972 habitantes deste bairro informal sitauado ao norte da capital.

A partir do momento da inauguración iníciase o traballo de campo no que estudantes e profesorado das Facultades de Arquitectura, Enxeñería, Socioloxía, Económicas, Dereito e Medicina van ofertar os servizo profesionais que a poboación require para apoiar ás súas propias prácticas na construción e mellora do seu hábitat.

Agárdase que en Novembro de 2017 téñase podido alcanzar este obxectivo xunto cun amplo número de accións colaterais que inclúen a formación dos propios estudantes, de construtores e produtores de materiais locais e a formación dun banco de boas prácticas que recolla a experiencia e permita establecer regras para replicar a intervención.

A iniciativa conta cun orzamento de 187.250 euros -que non se destinan a financiar obra física-e que parcialmente son financiados pola Agencia Española de Cooperación al Desarrrollo a través da convocatoria de Acciones de Innovación para el Desarrollo do ano 2015.

Foi presentada por esta axencia como exemplo de boas prácticas da Cooperación Española na Conferencia das Nacións Unidas Hábitat III sobre Vivenda e Desenvolvemento Urbano Sostible, celebrada entre o 17 e o 20 do pasado outubro en Quito.

O traballo está encabezado na UDC polos profesores Plácido Lizancos, Alberto Varela e a técnica Vanessa Míguez.